[15.06.22] FILLOAS - FILLOAS (LP, 2022)
O vigués Iago Galego debuta co seu proxecto en solitario, Filloas, mesturando sen prexuizo ingredientes que a priori non convidan á maridaxe pero que unha vez pasados pola pedra quente dan lugar a unha proposta inédita na música galega: melodías pop pegañentas, voces trapeiras enchoupadas de autotune, guitarras afiadas fillas do estoupido do 77 e ritmos urbanos acelerados que piden a berros pista de baile. Ao longo de once temas o de Coruxo desprega un sincretismo postmoderno absolutamente desacomplexado co que acada unha sinatura persoal máis que recoñecible, un estilo propio embebido por unhas letras introspectivas ("Cuncha emocional", "Mediocre" ou "A morte vai comigo") nas que tamén hai espazo para a cultura pop ("Robin" ou "Replicantes") e mesmo a reivindicación máis explícita ("Galicia", filla bastarda e trapeira do clásico "Galicia es una mierda" dos Ataque Escampe). Se puideramos trazar unha liña imaxinaria dende Radio Océano até Boyanka Kostova, pasando polo Caimán do Río Tea, Projecto Mourente e Verto, sen dúbida chegariamos a Filloas. O futuro da música galega era isto. E mola mil.
[07.06.22] MIUDIÑO SESSIONS #001 - HOLGADO
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 estrea as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares. Poñendo o foco tanto no visual -toda a serie estará filmada en 4K- coma no musical -percurando unha calidade de son semellante á gravación en estudo- o proxecto estrease co barcalés HOLGADO, interpretando ao pé do cruceiro de Gonte na súa Negreira natal tres temas de "O fillo de Suso", o seu novo album. Acompañado ao saxo e ao caixón por Daniel e Diego Vieito, Holgado debulla con nostalxia as lembranzas desa infancia rural que se extingue irremediablemente, interpretando "A piscina", "Herba seca nas brañas" e "Notas do funeral de Ricardo Vieito"
[02.06.22] SPEZIES INVASORAS - SPEZIES INVASORAS (EP, 2022)
O tempo está revelando a infausta primavera de 2020 coma un dos períodos máis creativos da historia recente. Boa parte dos froitos que catamos hoxe en forma de libros e discos foron sementados nun confinamento que en moitos casos -e casas- funcionou coma un auténtico laboratorio creativo -co pixama a modo de bata branca- onde o tic-tac do reloxo non ameazaba coma adoita. É o caso dxs composteláns Spezies Invasoras, un novo trío de pop escuro que cristalizou nese preciso período coma consecuencia de horas e horas de conversas e intercambios de ideas sobre totems do post-punk dos 80s coma Siouxie and The Banshees, Bauhaus, The The ou Love and Rockets. Unha vez liberadxs da ditadura das catro paredes non lles quedou outra que materializar esas ideas en estudo, xermolando unha proposta na que ecoan as constantes ondas expansivas de Joy Division polas guitarras de Jaime Pombo e os ritmos de Miguel Vázquez, todo ao servizo da voz e os textos de María Pereira. Para a ocasión uniuselles Marcos Paino aos sintetizadores e Mano García ao baixo, facturando un EP de catro cancións que está pedindo a berros un disco longo. Porque tamén pode haber beleza na desesperanza e, como cantan en "Cavalinha", o tema que abre o EP, que bonito é o atardecer no precipicio.
[27.05.22] CLO PLAS - AO VIVO NA GENTALHA DO PICHEL (AV, 2022)
Inauguramos a sección de músicas ao vivo para ver e escoitar co concerto que deron CLO PLAS hai uns dias en Compostela na Gentalha do Pichel co gallo da festa das Letras Galegas. Xa disponíbel na nosa canle de Youtube.
[21.05.22] VIAXANDO AO PASADO
Desta volta poñemos o Delorean a funcionar e viaxamos ao pasado recente para traer dous poemarios perdidos e catro discos que de ter estado activo este fedello terían sido parte do seu catálogo ao 1000%. Comezamos a viaxe en 2007 e 2009 onde por fin achamos "28" e "Tería que drogarme", os poemarios perdidos de Inés Liste AKA Besbe. Despois pedímoslle a Doc que nos levara até 2013 e 2015 para apañar o segundo e terceiro disco dese arroto electrónico de avangarda que foi DAS KAPITAL. Finalmente fixemos dúas paradas en 2019, unha para facernos con unha copia de "Fractura", único disco dese proxecto poético-musical de pop electrónico chamado ADERYN formado por David Miranda (AKA Devalo) e Lorena Souto, e outra para axenciarnos unha casete -porque saiu en casete- do último traballo -non por moito tempo, polo que sabemos- do noso Billy Bragg patrio, isto é, O´LEO DE MATAMÁ, “Sé [mente de vencer]”. Pagou a pena arrincar o condensador de fluzo, abofé que si.
[13.05.22] CLO PLAS - ba-fi (LP, 2022)
O primeiro traballo de 😲👏 evidencia a fascinación polo imaxinario libertador de The Last Poets mais o discurso do dúo da Fonsagrada vai máis alá e percorre camiños inéditos que entroncan con pólas tan diversas da cultura galega coma os relato etnobiográficos dos Retrincos de Castelao, o militante vangardismo feito-na-casa da música de Apeiron ou os azos rachadores dos primeiros Resentidos. Nos miúdos estalotes narrativos do adictivo rap lo-fi minimalista que facturan Xiana Arias e Berio Molina (ao que el*s chaman ba-fi) hai espazo para a poesía, o costumismo, a metafisica, o etnográfico e mesmo a carallada, conformando unha proposta radical -no ético mais tenra no estético- inzada de retrousos de instintiva vocación popeira"
O limiense Raúl Diz (Os Amigos dos Músicos) imaxina no seu primeiro disco en solitario unha viaxe dende terras galegas até América musicando cinco poemas de Florencio Delgado Gurriarán que percorren unha invisíbel ponte transatlántica pola que transitan patriarcas da música de raíz coma Woody Guthrie, Pete Seeger e o primeiro Dylan
Hai uns meses a poeta Lucía Aldao daba o salto á música en estado puro co seu album de debut, PAVA, un disco multicromático onde se albiscan pantones de frecuencias tan dispares coma a contundente fraxilidade dos primeiros discos de Cat Power en A letra desta canción e A do aire musculado, a etérea devoción shoegazer de A do faro ou as crúas guitarras velvetianas de Unha que soase así. Un total de cinco cancións nas que a personalidade da súa voz e a forza das súas letras orbitan na elipse das novas voces femininas xurdidas nos últimos anos ao outro lado do Atlántico coma Julien Baker, Lucy Dacus ou Phoebe Bridges
[26.04.22] THERESA P. LOUSAME - CARTOGRAFIAS: MAPA VIDEOPOETICO (VP, 2022)
A realidade dunha pandemia foi o detonante e pretexto perfecto para que a barbanzá Theresa P. Lousame se armara con papel e cinta, xestando nun intervalo de dous anos catro pezas de videopoesía que agora apresenta nun formato inédito por imposible, o libro de videopoesía. Unha antoloxía videopoética que ve a luz baixo o título de "Cartografías: mapa videopoético" e na que a autora vai definindo un conmovedor mapa audiovisual, de trazado natural e íntimo, a modo de exercicio de exploración persoal e mesmo terapéutico
[31.03.22] ANXO ARAUJO - PLAN DE URBANISMO PARA UN NOVO COUTO MIXTO (LP, 2021)
Hai uns meses o pontevedrés Anxo Araújo batíanos no corazón co seu album de debut, Plan de Urbanismo para un novo Couto Mixto, unha colección de alfaias de dream-pop na onda de bandas coma Mazzy Star, Mojave 3 ou Beach House nas que a nostalxia e a tristura aloumiñan no musical un discurso inzado de optimismo e resiliencia. E agora, a piques de comezar a presentalo ao vivo por todo o País, temos a sorte de que esa manchea de felices músicas tristes faga parte, tamén, de A Regueifa 2.0
[25.03.22] NACHOK, BALDO RAMOS E MANO PANFORRETEIRO - DERIVAS (VP, 2022)
Peza colectiva de videopoesía na que o fotógrafo lucense Ignacio Castro Nachok constrúe a paisaxe visual na que habitan as palabras do poeta Baldo Ramos e a música de Mano Panforreteiro
[18.03.22] MARIQUIÑA TERESHKOVA - A TOBEIRA (VP, 2022)
A lucense Mariquiña Tereshkova presenta unha peza de videocreación na que integra o seu universo visual, narrativo e literario coa música de Holgado
[03.03.22] GRAMPODER - PM (LP, 2022)
O dúo compostelán Grampoder regresan tras oito anos con PM, un disco con 10 novas temas de raiboso pop escuro nas que a frustración e o desencanto ao que leva sen remedio a vida moderna é é o fío conductor..Coma un cruce imposible entre os Pixies e os Sleaford Mods, a súa proposta de pop de guitarras escravo da melodía nun formato mínimo de seis cordas e batería é a banda sonora perfecta para unhas letras que son puñadas que van directamente ao estómago
[03.03.22] HOLGADO - O FILLO DE SUSO (LP, 2022)
O barcalés Holgado debulla ao longo de doce cancións a medio camiño entre o neofolk máis espido e a Americana de raiz as lembranzas dunha infancia rural que se extingue irremediablemente, nun exercicio de nostalxia absolutamente conmovedor. Unha carta de amor aos seus anos mozos na que son evidentes as influencias do outro lado do Atlántico de xigantes coma Bill Callahan, Will Oldham, Damien Jurado ou Bon Iver pero non tanto o substrato inconsciente co que o músico de Negreira nos remite aos grandes songwriters galegos dos anos 70s como Suso Vaamonde, Miro Casabella ou Benedicto
[02.03.22] O REXURDIMENTO
Unha década despois A Regueifa Plataforma volta á vida con toda a paixón que estes tempos convulsos permiten. O tempo non perdoa e os hábitos de consumo cultural son outros polo que non queda outra que reinventarse