Hover Setting

slideup

GRAMPODER - AMULETO (2024)

GRAMPODER - AMULETO (2024)

 Aproveitando ao máximo os recursos dunha formación mínima, Grampoder levan máis de dez anos evolucionando sobre o propio escenario. O son contido, próximo ao folk americano e ao tropicalismo, dos seus primeiros traballos deu paso en PM (2022) a un rock escuro e eléctrico. A proposta prolóngase agora con Amuleto (2024), un disco no que Grampoder afondan nas súas obsesións: o tedio vital, a traizón de baixa intensidade aos principios propios, o doloroso paso do tempo e a posición do individuo fronte a un mundo que o impulsa a unha vida irracional e insatisfactoria. As cancións, gravadas por Jacobo Iglesias nos Estudios Potemkin, débenlle tanto á dark wave dos oitenta coma ao blues clásico ou o indie noventeiro.

Le Roi e Martin Wu exercen de notarios dunha xeración apenas cos elementos dunha batería e unha guitarra eléctrica. Adaptables no seu formato, Grampoder despregan un directo intenso e moi físico, unha montaña rusa de intensidades que explora o punto no que se encontran o rock máis ruidoso coa melodía e a rabia coa resignación.