Hover Setting

slideup

Anxo Araújo - Aprender a bailar (2024)

ANXO ARAÚJO - APRENDER A BAILAR

Anxo Araújo estrea ‘Aprender a bailar’, o seu esperado segundo disco. Logo de tres sinxelos de adianto chega ás plataformas dixitais, e tamén en formato CD e vinilo, un álbum de nove temas onde os ritmos bailables, as percusións latinas, os ventos e os sintetizadores marcan a paisaxe sonora. ‘Aprender a bailar’ é un disco que “disipa tormentas” e que convida a celebrar a vida e a vivir o presente. Tres anos despois de ‘Plan de urbanismo para un novo couto mixto’ (Unha casa calquera - Ultramarinos), Anxo Araújo presenta un álbum de pop melódico que conserva as reminiscencias folk e da música tradicional galega do primeiro traballo. “O proceso creativo do anterior disco coincidiu nunha etapa persoal na que saín dun burato para atopar un novo mundo” di o músico pontevedrés. “Agora sigo nese novo lugar, estou ben e contento de estalo. E desde aquí fixen a escolla dos arranxos e da produción do disco. Así que a proposta final non foi intencionada senón o resultado dun proceso que me foi levando cara aí”. Desde esta alegría cotiá, Anxo Araújo convídanos a deixarnos levar e a expandir os sentidos cun disco que desde a intimidade mira ao colectivo. 

‘Aprender a bailar’ foi gravado entre Unha Casa Calquera (Poio), Garaxeland (Compostela) e Terraforma (O Hío); mesturado por Anxo Araújo e Ibán Pérez; e masterizado por Victor Garcia en Ultramarinos (Catalunya). Anxo Araújo gravou as voces, as guitarras, os teclados, os baixos e os sintetizadores e no estudo de gravación contou cos músicos Faus Camaño (batería e percusións), Borja López (ventos) e Julio Visi (percusións latinas), así como con outras colaboracións.