Décimocuarta entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e por calidade, de propostas musicais na nosa lingua.
Desta volta as nosas cámaras foron até unha fraga da península do Morrazo para rexistrar a inédita proposta musical de Breogán Xague. O xoven artista plástico vigués fixo o pasado ano unha digresión das súas disciplinas habituais para dar comezo a unha triloxía musical sobre a emigración baixo as coordenadas musicais do abstract hip-hop e a música tradicional galega. Unha proposta de avangarda estruturada sobre un collage de sampleos que conforman a paisaxe experimental que dá soporte a unhas rimas que percuran a deconstrución do tópico do galego emigrado, saudoso e morriñento, e como se ten empregado para desactivar un discurso máis político dos motivos estruturais históricos da emigración galega.