Hover Setting

slideup

Miudiño Sessions #21 - Lontreira


Vixésimoprimeira entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa língua. 

Nesta nova sesión foron Lontreira, unha das bandas revelación do pasado ano, as que acudiron á chamada das cámaras d`A Regueifa Plataforma para espir catro pezas de "Apnea", o seu disco de debut. Ao acubillo do senlleiro muiño de vento do Monte Beiro en Valga o trío deixou á beira calquera tentación electrónica para levar a súa fermosa mestura de pop e música de raigame de aquí e acolá a un formato mínimo onde o piano de Rotce e a guitarra acústica de Iván Barral aloumiñan a delicada voz de Adri Cores.