A apropiación que fan Columna Vegana da "Oda ao xamón" de Otero Pedrayo foi a excusa perfecta para trasladarnos até o Pazo de Trasalba, casa natal e sede da súa Fundación, para gravar unha nova entrega das Miudiño Sessions. O contraste entre a arriscada proposta de Columna Vegana -a cabalo entre a densidade intelectual do art-punk e o nihilismo da no wave- e o salón conxelado no tempo de Don Ramón foi o mellor dos escenarios posibles no que esfarelar o máis crú do seu repertorio. Baixo o longo fitar de tan sobranceiro anfitrión e coa fermosa galería deseñada por Castelao e o mapa de Domingo Fontán coma telón de fondo o dúo interpretou, ademais de "Xamón", as pezas "Mantra do crédulo", "A máquina", "Propósito de emenda" e "Botellas"
Vixésima novena entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa língua.