Hover Setting

slideup

Filloas - O segundo disco xd (2023)


FILLOAS - O SEGUNDO DISCO XD (2023)

FILLOAS, o proxecto en solitario do vigués Iago Galego, chega á súa maioría de idade co seu segundo disco, unha colección de cancións nas que move aínda máis os marcos da súa xa característica mestura bastarda de pop, punk, trap e outras músicas urbanas.

Ao longo dos dez novos temas que compoñen este “O Segundo Disco xd” o de Coruxo asenta os alicerces do que xa se albiscara no seu disco de debut, conxugando melodías netamente pop con ritmos urbanos e querencia guitarreira para conformar unha banda sonora xeracional dominada polo ton existencialista e desencantado que provoca ter medrado entre crises económicas, pandemias, a abafante presión das redes sociais e a precariedade laboral. Neste universo persoal FILLOAS substitúe nas súas letras os moi manidos tópicos habituais dos estilos que mestura -ego, drogas e sexo- por un discurso perdedor no que sen esquencer o sentido do humor conflúe o desamor, a cultura pop e, por riba de todo, a frustración persoal que provoca o día a día da vértixe capitalista.

O disco foi gravado nos estudos composteláns Garaxeland e conta coas colaboracións de AMORODO en “Bucle” e de AMOEBO en “O móbil está a soar”. A capa do disco é obra da artista galega de manga @tsukinoshoujo.

instagram.com/o.filloas/