Hover Setting

slideup

Miudiño Sessions #9 - Lucía Aldao (2023)


Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque ou os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana, A Regueifa Plataforma 2.0 segue avante coas Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegófonos gravados en formato mínimo e filmados en localizacións singulares. Un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver -por número e por calidade- de propostas musicais na nosa lingua. 

Desta volta A Regueifa Plataforma 2.0 foi até a casa-museu de Lucía Aldao na cidade da Coruña para filmar unha nova sesión, a novena, na que a música e poeta contou coa colaboración de Óscar Vilariño (Musel, A veces Ciclón, ex-Triángulo de Amor Bizarro) na guitarra, batería e teclados para amosarnos unhas versións engalanadamente espidas de "Boneca de silveira", "A letra desta canción" e "Unha que soase así".


Lucía Aldao: Voz e guitarras
Óscar Vilariño: Batería, guitarra e casiotone
Imaxe e son: A Regueifa Plataforma 2.0