Hover Setting

slideup

Ataque Escampe - Cabalgata (2023)

ATAQUE ESCAMPE - CABALGATA (2023)

Cabalgata —un título que se pode referir tanto a un desfile festivo coma á longa travesía dos xinetes nómades a través da neve— é ese punto en que o máis doado parece parar e decidimos, malia todo, seguir cabalgando, sen saber moi ben cara a onde, porque que outra cousa imos facer. Arde a tenrura polo que deixamos atrás: o pasado como espazo inesgotable que nos interpela e non como obxecto de nostalxia. De aí o noso intento de explorar o potencial de estilos sepultados na avalancha das tendencias musicais: do hi-NRG de «Lamborghini» ao synth-funk de «Viaxamos a Miami», pasando polo rap old school de «Fuck the Police», o no wave de «Amigo», o electro posapocalíptico de «Supermartes» ou o pop da era espacial d’«A cociña práctica». Este disco é unha homenaxe á nosa vulnerabilidade, tal vez a de calquera; á infancia; ás amizades e amores conservados, perdidos ou diferentes; á solidez do que aínda queda en pé despois dos últimos vendavais do inverno. Ao que fomos e ao que seguramente xa non seremos; ao mundo dos soños. Quizais tamén, sen o pretender, é a nosa maneira de celebrar que o proxecto de Ataque Escampe, este cabaliño branco, este cabaliño lento que empezou co século, siga con vida. Amodo, sempre amodo, a ritmo de carrusel.

«This is the water
And this is the well.
Drink full and descend.
The horse is the white of the eyes and dark within». 

ataqueescampe.bandcamp.com




Todos os temas están compostos por Ataque Escampe. Julio Vilariño Cabezas participou na composición de «Entra o dragón», «Pantalón curto», «Lamborghini» e «Amigo».


Este disco produciuno, gravouno e mesturouno o Hevi no Laboratorio Soyuz (Trazo) entre febreiro de 2022 e febreiro de 2023, e masterizouno Cem Oral en Jammin Masters (Berlín).

O deseño gráfico e o traballo fotográfico son de David Silva. As fotos están sacadas no club hípico Juan Oliveira (Mouriscade, Lalín).

O cabalo da portada chámase Farruco.

Con:

Cibrán Tenreiro: batería, percusións, sintetizadores, coros, voz en «Pantalón curto»
Miguel Mosqueira: guitarras, sintetizadores, coros, voz en «Fuck the Police» e «Viaxamos a Miami»
Álex Charlón: coros, voz en «Condutor triste», «Supermartes», «Entra o dragón», «A cociña práctica», «Lamborghini», «Amigo» e «Cabaliño lento»
Samuel Solleiro: guitarras, coros, voz en «Supermartes»
Lois G. Carlín: baixo, sintetizadores, saxo, coros, voz en «Fuck the Police»

Roi Vidal: mensaxes espectrais

E tamén: Antía Ameixeiras (voz en «Supermartes» e «A cociña práctica»); Delfina Sánchez (receita n’«A cociña práctica»); María, Marinha, Íris e Amaro (coros en «Viaxamos a Miami»).


Cabalgaron connosco: Simón Cuba, Sara Iglesias, Xosé Sóñora, Sofía Taboada, Fernando Palitos e os cabalos Cacique e Leo. Foron trotando diante: Bruce Lee, Bruce Li, Lorena Álvarez, Epic Soundtracks, Luz Pozo Garza, Mucho Muchacho, Nanni Moretti, Emilio Araúxo, Miguel Gallardo, Louise Glück, Consuelito Velázquez, Miguel Gomes, Nina Simone, Los Chichos, Joy Williams, John Ashbery, The Rolling Stones, Rodrigo Cuevas, Wallace Stevens, Olvido García Valdés, Brian de Palma, Manuel María Puga y Parga «Picadillo», Malandrómeda, Zygmunt Bauman, The Velvet Underground, Lois Pereiro, Tom O’Bedlam, Ace of Base, BoJack Horseman, The B52's, Nicolás Saldivia, Walter Benjamin, Quim Barreiros, Seguriño e varios paxaros de Chaián.