Hover Setting

slideup

Carabela - Nó (2023)

 

CARABELA - NÓ (2023)

Cando na túa colección de discos comparten espazo privilexiado tanto o Kid A de Radiohead coma o Isué de Mercedes Peón acontecen cousas tan especiais coma este “Nó”. O primeiro traballo da banda noiesa CARABELA parte desas coordenadas tan diversas para alumear un EP de catro temas nos que dan unha nova volta ao timón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do indie pop, a electrónica e a música tradicional.


Unha travesía iniciática no que as melodías de inspiración tradi que parten do fascinante rexistro vocal de Ana Moas sucan entre  os remuiños de ondas sonoras que abrollan dos sintetizadores de Alba Vázquez e das guitarras e programacións de Pablo Agra, dando forma a unha proposta musical coas coordenadas ben enraizadas na terra -firme- e o pop pero coa brúxula orientada ás rompentes da vangarda, nunha vocación contemporaneizadora da nosa música que enfía no ético e no estético con compañeiras de xeración coma Fillas de Cassandra, Mondra, Mai, Baiuca, Berto, Catuxa Salom, Toma de Terra ou as propias Tanxugueiras.