Breogán Xague - XAGUE1 (LP, 2022)

BREOGAN XAGUE - XAGUE1 (2022)

O pintor e escultor Breogán Xague (Vigo, 1999) sorpréndenos cun album de debut que non é sinxelo de etiquetar pola súa querencia pola experimentación máis brava. Pode ser que se fechásemos nun local de ensaio a Aphex Twin, a DJ Shadow, ao Hevi e, coma non, a Emilio José saise unha proposta semellante a este XAGUE1, o primeiro disco dunha triloxía sobre emigrar no que “a voz que fala volve á súa terra sabendo que vai volver marchar”.

Oito pezas de abstract hip-hop -coas súas oito videocreacións- que funcionan coma un todo indivisible, artelladas coma un grande collage de retrincos sonoros no que os sampleos conforman a paisaxe experimental que dá soporte a unhas rimas que percuran a deconstrución do tópico do galego emigrado, saudoso e morriñento, e como se ten empregado para desactivar un discurso máis político dos motivos estruturais históricos da emigración galega.











Todos os temas gravados, compostos e producidos por Breogán Xague

As videocreacións de Escape from Madrid, Inda ténue e If I were supposed to speak here son obra de Victor Soho.

A videocreación de Abur/Peinador-Arlanda é obra de Nico Nargual

A videocreación de Nosa Señora é obra de Breogán Xague