Spezies Invasoras - Spezies Invasoras (EP, 2022)



O tempo está revelando a infausta primavera de 2020 coma un dos períodos máis creativos da historia recente. Boa parte dos froitos que catamos hoxe en forma de libros e discos foron sementados nun confinamento que en moitos casos -e casas- funcionou coma un auténtico laboratorio creativo -co pixama a modo de bata branca- onde o tic-tac do reloxo non ameazaba coma adoita. É o caso dxs composteláns Spezies Invasoras, un novo trío de pop escuro que cristalizou nese preciso período coma consecuencia de horas e horas de conversas e intercambios de ideas sobre totems do post-punk dos 80s coma Siouxie and The Banshees, Bauhaus, The The ou Love and Rockets. Unha vez liberadxs da ditadura das catro paredes non lles quedou outra que materializar esas ideas en estudo, xermolando unha proposta na que ecoan as constantes ondas expansivas de Joy Division polas guitarras de Jaime Pombo e os ritmos de Miguel Vázquez, todo ao servizo da voz e os textos de María Pereira. Para a ocasión uniuselles Marcos Paino aos sintetizadores e Mano García ao baixo, facturando un EP de catro cancións que está pedindo a berros un disco longo. Porque tamén pode haber beleza na desesperanza e, como cantan en "Cavalinha", o tema que abre o EP, que bonito é o atardecer no precipicio.