Leónidas Lúa Lacorme - Emogramas (2007)


Alguén fabricou un robot que pode emocionarse cando o apalpas. O robot é feo. Non ten rostro. É unha masa marrón. Súa. Non é un androide. Non sorrí.
É un obxecto que sencillamente súa cando é acariciado. Talvez por nervios. Por rubor. Por excitación.
Sosteño que cando un ser humano se enfronta a unha páxina en branco, pantalla, material informe, etc. O que desexa é crear un vínculo semellante entre o artefacto que sairá desa páxina en branco e o individuo/ individua/ ente inarámico que asome os fuciños nel. A páxina en branco corre o perigo de emocionarse demasiado e suar. É un dispositivo altamente calibrado para a emoción.

No mundo dos humanos, a principios do século XXI segundo a taxonomía occidental para viviseccionar o tempo, varias eran as modalidades para cautivar a emoción allea:

1.- O canto
2.- O grafismo
3.- O cine
4.- Deixar caer as palabras amorsoidadepálpebra
5.- Os cómics
6.- Os debuxos animados
7.- Os vídeoxogos
8.- O sangue
9.- Os abismos sociais
10.- Os emogramas

O último ítem di emogramas. Un emograma é un gravado de emocións. Un dispositivo. Un artefacto. O seu creador/autor [presumibelmente un home] xoga a evidenciar o po que cae sobre as emocións abertas. Segue unha especie de liña temporal marcada por acontecementos emocionais, dunha privacidade articulada, redonda. Unha relación xa empolvada, unha suspensión de partículas tendentes á entropía crónica, unha cauterización e unha volta a desempolvar emocións cara o final dos textos. Os emogramas condúcennos por electrocardiogramas, por ecosonogramas [foron identificadas unha letra do músico Beck e outra de Madonna, así como alusións irónicas á pupila azul da moza de Bécquer] ou por sismogramas [secciona, serra, sacha, fendequerer/odiar/saber/sercontador a cero, entropías e membros fantasma incluídos]: son rexistros todos que axudan a marcar o rexistro emocional do autor [presumibelmente un home] dende o inicial po que vai caendo ata o sorriso final destes días contigo. O autor [presumibelmente etc] esgaza a súa madeira para amosarnos os seus aneis de crecemento vexetal: os emogramas son círculos de maduración ou conflicto emotivo. Son marcas nun interface destinado a entrar en comunicación con quen o toque. Unha pel tensada, unha libra de carne ofrendada, un pelexo feito de soidade que se despega como unha casca, unha amputación.
Funcionan como exorcizadores, como extirpadores de amor maligno. Son dispositivos de autoacubillo. Rexeneradores.
Os emogramas viviseccionan. Isto é, seccionan, tallan a vida. Pola metade, polo medio, sen deixar títere con cabeza, corpo con raíz. Dous que son un. E logo un que son dous. Similar a unha pequena vida celular fotografada ao detalle, a arte da emografía promete sangue, lágrimas e -ao igual có robot Alexitimia que se menciona ao principio [alexitimia é un termo que refire a incapacidade de verbalizar as emocións]- suor.
Suor.
A suor do tacto alleo na lenta manipulación das súas chagas.

Estíbaliz... Espinosa