QUE FOI A REGUEIFA PLATAFORMA
O 8 de marzo de 2006 botaba a andar o netlabel A REGUEIFA PLATAFORMA coa edición do primeiro disco de Fanny + Alexander. Pouco despois vería a luz o debut de Projecto Mourente, o de Ataque Escampe e así, a modo , irían saindo até 106 referencias ao longo dos seguintes cinco anos, un catálogo multidisciplinar no que habitaba dende a música até a literatura ou o audiovisual máis diverso.
Nunha etapa na que os blogs dominaban a creación de contido na Rede e na que as redes sociais e os servizos de streaming aínda eran só un pequeno abrollo do que son hoxe, o netlabel foi o lugar dende onde ducias de proxectos creativos de todas as disciplinas puideron centrifugar a autoedición da súa obra baixo as premisas da cultura libre para tod@s do Creative Commons e o espírito autoxestionado do Do It Yourself.
QUE PODERIA SER A REGUEIFA 2.0
A propia Rede e os hábitos de consumo culturais teñen mudado moito nestes dez anos de parón polo que esta nova xeira non podía ser un simple rexurdimento, cumpría unha nova ollada. Nun tempo en que tanto o streaming (Bandcamp, Spotify, Youtube...) coma a autoedición física a demanda (Kickstarter, Verkami, Blurb...) permiten a calquera dar a coñecer a súa obra non ten sentido un netalbel coma foi ARP onde se podían descarregar directamente as obras. O camiño debería ser máis ben aspirar a ser un altofalante desas autoedicións, un lugar colectivo dende onde centrifugar esa creatividade.
Subir un disco a Spotify ou Bandcamp ou autoeditar o teu libro en Blurb é moi sinxelo, o dificil ven despois, chegar ao teu público máis alá do minifundio das túas redes sociais e situar a túa obra nun contexto, nunha escena.
Por iso A Regueifa 2.0 (re)nasce logo con ese obxectivo, ser altofalante dese barullo creativo disperso, unha plataforma de difusión sen ánimo de lucro dende onde calquera creador/a pode dar a coñecer a obra que con tanto agarimo e esforzo autoedita.